B1. Investigación do estado do litoral da Ría de Betanzos

RESUMO

O obxectivo perseguido con esta acción era o de coñecer o estado natural e socio-económico da ría de Betanzos, analizar os usos, aproveitamentos e actividades actuais que nela se desenvolven, realizar unha diagnose da situación e identificar accións de mellora e iniciativas de futuro.

Na busca de ter un coñecemento da zona de estudio detallado realizáronse traballos de campo coas confrarías, administración públicas, empresas, centros de investigación e entidades interesadas, recollendo información directamente con estas fontes.

O proceso seguido na investigación do estado da ría foi o seguinte:

  • Recompilación e obtención da información, tanto bibliográfico como cartográfica.
  • Identificación e posta en contacto con axentes responsables da xestión e conservación da ría.
  • Realización de entrevistas a:
    • Administración responsables de costas, pesca e marisqueo, e o medio ambiente.
    • Técnicos e expertos do sector da pesca e do marisqueo.
    • Técnicos e expertos en medio ambiente.
    • Técnicos e expertos do estado económico e social da ría.

DESCRICIÓN DA ÁREA DE ESTUDO

  • Ámbito territorial

A ría de Betanzos está situada no norte da provincia da Coruña, formando parte do Golfo Ártabro. Os principais concellos que a forman son Betanzos, Bergondo, Sada, Paderne e Miño. O seu ámbito chega dende as puntas de Torella (Oleiros) e Carboeira (Pontedeume) ata o casco urbano de Betanzos, contando cunha superficie aproximada de 2.800 hectáreas e cun perímetro de espazo litoral que supera os 57 km.Situacion

A ría de Betanzos presenta dous sectores ben diferenciados. O primeiro, de Betanzos ata a ponte do Pedrido, é un esteiro típico onde sedimentan os lodos transportados polos ríos Mandeo e Mendo, unha zona estreita con amplas zonas fanganosas que quedan descubertas coa marea baixa. O segundo, entre as puntas Carboeira e Torella, é máis amplo e conflúe coa ría de Ares.

Unha hidrodinámica complexa e derivada da acción conxunta de fenómenos meteorolóxicos, oceanográficos, mareas e correntes fluviais, interacionados entre si e coa intervención antrópica, fan que a evolución natural da ría durante os últimos 50 anos se modificara de maneira moi importante.

  • Medio físico e natural

Os principais materiais xeolóxicos que se poden atopar na superficie de estudo son as rochas básicas e esquistos pobres en cuarzo, situados dentro do complexo “esquistos de Ordes-Bergondo”.

Na zona obsérvase un desenvolvemento dos solos que proceden da alteración da citada serie de Ordes-Bergondo, que sufriu unha serie de procesos de alteración e redistribución ao longo do tempo, dos que só se recoñecen os resultados dos períodos máis recentes.

A evolución deste tipo de clases xeolóxicas produciu que a maior parte dos fondos mariños da ría estean formados por area e rochas, sendo a superficie ocupada por algas moito menor.

Por outra parte, as zonas desenvolvidas sobre depósitos sedimentarios teñen presenza nos espazos ocupados polos esteiros. A acción de diversos axentes no modelado externo ao longo dos anos orixinou gran abundancia de depósitos sedimentarios constituídos por materiais procedentes do desmantelamento doutros tipos litolóxicos. Estas áreas de depósitos do cuaternario recente, son de orixe aluvial e coluvial, sitúanse no fondo dos vales fluviais dos principais ríos da área de estudo.

A ría de Betanzos, dentro da clasificación de litoral atlántico occidental desenvolvido sobre rochas graníticas, presenta unha configuración relativamente aberta, debido fundamentalmente aos materiais esquistosos e ao modelado nas súas marxes con diferentes niveis de aplanamento. A acción fluvial dos ríos Lambre, Mandeo, Mendo, Baxoi, etc., motivou un modelado suave no que se combinan áreas aplanadas con outeiros e vales suaves. As ladeiras teñen pouca pendente, en boa medida debido aos glacis e abanicos fluviais.

Existe unha alta diversidade entre a orografía existente no espazo terrestre e no mariño. Mentres na área terrestre existe un relevo fortemente accidentado, conPlano curvas de nivel e batimetria_2 importantes pendentes nas zonas de acantilados e ladeiras da ribeira, nas zonas mariñas as diferenzas de altitudes e profundidades son moi reducidas. Desta maneira, pódese comprobar como na parte litoral se alcanza con facilidade os 200 metros de altitude, mentres que o solo mariño da ría dificilmente alcanza os 20 metros de profundidade.

A hidroloxía do territorio ven marcada pola curta lonxitude e o elevado caudal dos ríos que evacúan na ría de Betanzos, formando unha complexa rede hidrolóxica. Estes numerosos cursos fluviais agrúpanse principalmente entorno á bacía do río Mandeo que forma na súa desembocadura a ría de Betanzos.

Plano_rede_hidrograficaA cunca hidrográfica do río Mandeo forma o esteiro da parte superior da ría. Dende os montes da Cova da Serpe ata a súa desembocadura en Betanzos, percorre unha lonxitude de 56 quilómetros, atravesando un total de nove concellos. Os principais afluentes que verten as súas augas ao Mandeo son o Mendo, o Deo, o Cambás e o Zarzo.

Ademais do río Mandeo, existen outros cursos fluviais que drenan ás súas augas á ría de Betanzos, como o río Baxoi e o río Lambre, que na súa desembocadura forma complexos de humidais halófilos con elevado valor de conservación.

Para definir as condicións da dinámica litoral na ría de Betanzos, hai que ter en conta as accións debidas aos fenómenos de ondas, marea, vento e correntes, sendo as ondas, as mareas e o vento os fenómenos que definen o clima marítimo no exterior da ría.

As mareas e o vento crean correntes que afectan a toda a ría. A marea co seu fluxo e refluxo é a principal responsable das correntes que afectan ao interior da ría, en especial ao entorno do Pedrido. As correntes máximas alcánzanse na Ponte do Pedrido e no canal de Punta Xurelas: no Pedrido debido ao estreitamento natural creado polas ribeiras e ó artificial debida á ponte, e no canal situado ao Oeste de Punta Xurelas polo peche da ría provocado pola acumulación dos sedimentos arrastrados polo río Mandeo.

Estas correntes afectan ás praias da ría, facendo arrastres continuos da súa area e producindo unha diminución das súas dimensión de forma paulatina. Estes sedimentos acumúlanse en outras zonas da ría, cambiando a fisiografía da mesma.

DSC_0718

A ría de Betanzos, como toda a zona litoral norte de Galicia, presenta un clima oceánico caracterizado por abundantes e frecuentes precipitacións durante gran parte do ano e con temperaturas suaves.

A influencia mariña, así como a ausencia de barreiras orográficas, xera a existencia dun réxime de temperaturas moderado e unha relativa abundancia de precipitacións. A moderación das temperatura refléxase na media anual que se mantén entorno aos 14 ºC, cunha reducida amplitude térmica media, próxima aos 7 ºC.

A inexistencia de barreiras montañosas fai que as perturbacións procedentes do Atlántico penetren facilmente, mentres que as que entran polo Sur e polo Este apenas teñan repercusión. Esta entrada de frontes de nubes produce un réxime pluviométrico abundante, cun rexistro anual de 1.027 mm.

Dende o punto de vista bioxeográfico atopámonos na Rexión Eurosiberiana, Provincia Cantabro-atlántica. Ao mesmo tempo, considerando as condicións bioclimáticas a área de estudo sitúase na súa maioría no piso Colino. Con estas condicións atópanse no territorio as seguintes formacións de vexetación potencial:

  • Serie colino-montana galaicoasturiana acidofila do roble ou Quercus robur (Blechno spicant-Querceto roboris sigmetum)
  • Serie colina galaico-portuguesa acidofila do roble ou Quercus robur (Rusco aculeati-Querceto roboris sigmetum)

O ámbito litoral terrestre da ría de Betanzos gardou historicamente unha íntima relación coa actividade humana. Así, as actividades agrícolas e os aproveitamentos agrogandeiros e mariñeiros conservaron nalgunhas zonas as estruturas tradicionais do territorio, adaptándose a súa xeomorfoloxía e fisiografía. Sen embargo, nos últimos anos a actividade humana produciu unha intensa transformación do territorio e da súa vexetación, mediante a realización de traumáticas ampliacións urbanas, estradas, pontes, recheos, ou implantacións de masas forestais baseadas en especies de crecemento rápido.

As zonas clasificadas como Corredores Fluviais acollen as áreas dos bosques naturais de alta  importancia nas inmediacións da ría. Estes acollen a gran parte da biodiversidade  relevante do territorio, mantendo especies exclusivas de gran singularidade bioxeográfica, e presentando un elevado valor paisaxístico. Nestes corredores fluviais existe unha interconexión de ambientes acuáticos e terrestres, algo de moita importancia no ciclo vital de especies de invertebrados, anfibios ou aves. Entre as principais variedades arbóreas que se poden atopar nestes bosques sobresaen os ameneiros (Alnus glutinosa), freixos (Fraxinus excelsior), bidueiros (Betula), salgueiros (Salix) ou carballos (Quercus robur), que relacionados con outras árbores e arbustos forman as coñecidas fragas.

Na área litoral sucédense diferentes tipoloxías de comunidades que resultan fundamentais para a conservación dos valores naturais existentes. Podemos atopar dende a vexetación característica das marismas e pastizais salinos (Salicornia ramossisima, Puccinellia maritima, Juncus maritimus, Festuca rubra), cantís vexetados (Brachypodium pinnatum, Dactylis glomerata, Daucus carota, Erica cinerea, Ulex europaeus), loureirais costeiros (Laurus nobilis, Rubia peregrina, Festuca rubra, Pulicaria odora), dunas móbiles (Ammophila arenaria, Eryngium maritimum, Crucianella maritima) ou matogueiras (Calluna vulgaris, Ulex europaeus, Erica cinerea, Erica ciliaris).

Dentro e na proximidade da ría, existen unha serie de importantes valores naturais. A conservación destes recursos ambientais xustificou a declaración de varias zonas como espazos naturais protexidos a diferentes niveles (internacional, estatal e autonómico): Rede Natura 2000, Monumento Natural ou Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais (Betanzos-Mandeo (864,58 ha) e Costa de Dexo (349,96 ha)).

ManAerea-9

Un dos ecosistemas mariños de maior interese presentes na ría de Betanzos son as pradeiras de Zostera, cuxa peculiaridade radica na presenza da especie Zostera noltii, poboacións que se consideran vulnerables en España pola reducida superficie que presenta e o seu grado de naturalidade. Estas pradeiras de fanerógamas mariñas albergan unha elevada diversidade de especies.

O LIC-ZEPVN Betanzos-Mandeo inclúe os medios fluviomariños do estuario dos ríos Mandeo e Lambre na ría de Betanzos, onde destacan as superficies e o estado de conservación que presentan os tipo de hábitat da marisma (Nat-2000 1130, 1140, 1310, 1320, 1330, 1420). Igualmente, neste LIC inclúense os corredores fluviais (Nat-2000 3260, 6430, 91E0*, considerados prioritarios pola DC 92/43/CEE) do río Mandeo e Mendo. Estes corredores presentan unhas formacións de bosques de ribeira en bo estado de conservación, contando cunha notable continuidade dos mesmos. Ademais, estes contactan con masas arboradas autóctonas de carballos caducifolios principalmente, nos cales se identifican elevados valores de conservación (tipos de hábitats de interese comunitario, especies de interese para a conservación).

O LIC-ZEPVN Costa de Dexo destaca polos medios mariños (como as augas permanentes Nat-2000 1110, e os arrecifes Nat-2000 1170) presentes e os hábitats costeiros (acantilados e matos costeiros nos que se identifican facies higrófilas prioritarias, Nat-2000 1230, 4030, 4020*). Cabe destacar que unha parte do LIC-ZEPVN Costa de Dexo xa fora declarado previamente baixo outra das figuras de Espazos Naturais Protexidos, ao amparo do artigo 9.2 da Lei 9/2001, na cal se dispón que no ámbito territorial dun espazo natural poderán coexistir distintas categorías de protección se así o esixen as particulares características do mesmo.

Por outra banda, resulta necesario analizar o sistema de zonificación establecido na Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”. Na mesma, existen tres áreas que se diferencian polas súas funcións e obxectivos establecidos: zona núcleo, zona tampón e zona exterior de transición.

A Zona Núcleo ten como fin delimitar as áreas dedicadas á protección a longo prazo, buscando conservar a diversidade biolóxica, vixiar os ecosistemas menos alterados e realizar investigacións e outras actividades pouco perturbadoras. Está zona coincide xeograficamente cos lugares actuais e futuros da Rede Natura 2000 existentes e futuros do territorio.

As superficies clasificadas dentro da Reserva como Zonas Tampón buscan precisar as superficies onde só se poidan desenvolver actividades compatibles cos obxectivos de conservación, minimizar os efectos negativos e externos das actividades humanas nas zonas núcleo. Funcionan ademais como conexión entre os compoñentes da biodiversidade das zonas núcleo cos existentes nas zonas de transición. ParaPlano_zonificacion reserva conseguir os obxectivos propostos, as áreas clasificadas como zona tampón están situadas arredor das zonas núcleo. Ademais tamén foron clasificados como zona tampón outras zonas con elevados valores ambientais pero que non contan con ningunha figura de protección.

Por último, as Zonas de Transición son aquelas superficies onde están permitidas a gran maioría de actividades e usos (industriais e comerciais, agrícolas e forestais, asentamentos de poboación, etc.), onde os diferentes axentes implicados deben cooperar e traballar conxuntamente na administración e desenvolvemento sostible dos recursos da zona. As zonas de transición delimitadas na Reserva abarcan as áreas que non foron clasificadas como Zonas Núcleo ou Tampón.

  • Poboación e actividades

Os municipios que compoñen o territorio da ría de Betanzos, teñen, segundo o IGE do ano 2011, unha poboación total de 43.517 habitantes, sendo a densidade media de poboación para ese mesmo ano de 310 hab/km2, moi superior á media provincial e autonómica.

Os municipio con maior densidade de poboación son os de Betanzos e Sada, moi superiores aos de Bergondo, Miño e Paderne. Menos este último, todos están por encima da media da provincia e de Galicia. Sada e Betanzos funcionan como os maiores núcleos de poboación na zona da ría de Betanzos.

Territorio e poboación na ría de Betanzos

Concellos Superficie (km2) Poboación Densidade (hab/ km2) Parroquias Entidades
Bergondo 32,7 6.722 205,58 9

76

Betanzos

24,2 13.537 558,55 7 41

Miño

32,5 5.760 177,19 8

54

Paderne 39,9 2.628 65,87 9

60

Sada

27,5 14.870 540,88 8 68

Total

115,3 43.517 309,614 41 299
Provincia A Coruña 7.950,4 1.147.124 144,29 938

10.393

Galicia 29.574,8 2.795.422 94,52 3.778

30.100

 A evolución da poboación na área da ría de Betanzos foi superior ao 17%, moi por encima da provincial e da autonómica. Menos Paderne e Miño, todos os concellos tiveron unha evolución da poboación no período 1991-2011 positiva. O concello de Miño tivo un cambio na evolución, cunha evolución negativa na primeira década, pero na segunda foi positiva. Resalta o forte crecemento de Sada en máis dun 50% de incremento da poboación.

En resumo, aínda que existen diferenzas entre os distintos concellos da área de estudo, pódese concluír que existen unha alta densidade de poboación e que esta se está incrementando co tempo. Ademais esta poboación ten tendencia cara o envellecemento. Estes dous factores son moi importantes á hora de coñecer as presións que sufre a ría e á posible absorción de residuos que pode acumular, xa que gran parte do saneamento das zonas urbanas verten as augas residuais, despois de ser tratadas, á ría de Betanzos.

A maior parte da poboación ocupada nos concellos da ría, céntrase no sector servizos, cunha porcentaxe media superior ao 75%, o que marca claramente o mercado laboral. O sector da agricultura e da pesca non chega a supoñer o 5% da poboación ocupada.

Poboación ocupada segundo a rama de actividade. 2015

Concellos Empregados total Agricultura/ Pesca Industria Construción

Servizos

Bergondo

2262 49 199 266 1748
Betanzos 4728 67 322 575

3764

Miño

1995 66 174 260 1495
Paderne 886 101 88 110

587

Sada

5107 132 389 517

4069

Total 14978 415 1172 1728

11663

Igual que na dinámica poboacional, existen diferenzas entre os concellos, tendo Paderne unha porcentaxe de traballadores no sector primario (11,40%) moi superior ao do resto de municipios, que se moven en valores de 1-3%. O resto dos sectores teñen unha proporción moi similar nos diferentes municipios.

Durante a última década, a evolución económica de Galicia está acompañada dunha serie de transformacións entre as que destaca o cambio na estrutura produtiva a favor da construción e os servizos, en detrimento fundamentalmente do sector primario, que experimenta unha caída no emprego. Esta situación vívese no territorio da ría de Betanzos con grande intensidade, sobre todo na área próxima á cidade da Coruña. A expansión da área urbana supón para os municipios lindantes un factor dinamizador da súa estrutura económica e social, dando lugar a un proceso de urbanización do territorio, motivado fundamentalmente por:

– A atracción que esta ofrece a novos residentes que buscan solo para desenvolver vivenda familiar cunha oferta económica competitiva.

– As relacións de cooperación entre A Coruña, cos municipios da súa área metropolitana e os limítrofes a esta, son cada vez máis importantes.

– O actual estilo de vida demanda lugares para vivir con boas comunicacións, con calidade medioambiental e paisaxística, con espazos con baixa densidade edificatoria, con preferencia de vivenda familiar, beneficiándose ao mesmo tempo dos servizos e infraestruturas propios dunha sociedade de benestar.

Deste modo, as diferenzas entre os municipios que forman parte da ría de Betanzos son destacables en canto ao aproveitamento do territorio. Algúns deles presentan un marcado carácter rural e aínda ligado a actividades agropecuarias e forestais, e tamén existen municipios onde o uso residencial e as actividades terciarias son as predominantes.

O sector da pesca e do marisqueo dá lugar a actividades dinamizadoras que crean emprego e riqueza nas comunidades costeiras de toda Galicia, e é indisoluble do patrimonio cultural e ambiental do territorio galego.

A comercialización faise en primeira instancia nas lonxas, estas son os lugares autorizados para levar a cabo a primeira venda dos produtos pesqueiros. Galicia conta con 63 lonxas, xestionadas xeralmente por confrarías de pescadores. No territorio da ría existen dúas lonxas, a de Miño e Sada.

Na ría de Betanzos existen catro portos (Lorbé, Sada, Betanzos e Miño; e en todos eles realízanse actividades pesqueiras, comerciais ou náutico-deportivas. Pódese considerar que existe unha importante rede de pequenos portos, tanto pesqueiros coma deportivos que resultan de grande importancia para a supervivencia do sector pesqueiro en moitas das súas poboacións. Tamén constitúen un atractivo turístico da zona pola beleza da paisaxe onde está encadrado.

Existen 4 depuradoras de mariscos de propiedade privada na ría. En Miño hai unha depuradora, mentres Sada conta con 3. Tamén hai que contabilizar as 13 depuradoras existentes no municipio da Coruña e outras 5 que existen nos concellos da área metropolitana, xa que son susceptibles de ofrecer servizos aos mariscadores do territorio.

As confrarías son institucións de profunda tradición histórica en Galicia. Na actualidade son corporacións de dereito público, dotadas de personalidade xurídica e capacidade de obrar para o cumprimento dos fins e o exercicio das funcións que teñen encomendadas, que actúan como órganos de consulta e colaboración coa administración no promoción do sector pesqueiro, representando os intereses económicos e corporativos dos profesionais do sector.

No territorio da ría están constituídas tres confrarías, dende as que se atenden aspectos administrativos e se coordinan os traballos e as zonas de marisqueo. Todas elas contan ademais co asesoramento técnico da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

Confrarías na ría de Betanzos

Concellos Confraría

Produtos que comercializa

Miño

Confraría de pescadores de Miño Ameixa, navalla, longueirón, bígaros

Oleiros

Confraría de pescadores de Lorbé

Sardiña, xurelo, choco, polbo, pancho, lirio

Sada Confraría de pescadores de Sada

Sardiña, xurelo, choco, polbo. Fábrica de xeo

Na zona VII Coruña-Ferrol están rexistrados, segundo datos dispoñibles da Consellería do MarDSC_0426 un total de 337 buques, onde máis do 90% son embarcacións de baixura e artes menores, representando o 7,48% do total de embarcacións galegas, o que supón a presenza dunha flota importante en canto a número nesta rexión. No que respecta á ría de Betanzos existen 44 embarcacións.

Portos

Nº barcos

Lorbé

13
Miño

6

Sada

25

Total

44

Segundo a información dispoñible do Grupo de Acción Costeira Golfo Ártabro, na ría de Betanzos o número total de empregados na pesca e marisqueo é de 172 persoas. De forma aproximada estímase que entorno ao 1,3% dos pescadores e mariscadores galegos pertencen ao territorio da ría de Betanzos.

A continuación recóllese o número das principais industrias do sector pesqueiro dentro do territorio da ría de Betanzos. Segundo o Grupo de Acción Costeira “Golfo Ártabro”, hai un total de cinco empresas de transformación de produtos pesqueiros, incluíndo as industrias conserveiras. Destacar a proximidade dunha das grandes industrias conserveiras a nivel nacional “Calvo S.A.”, situada no municipio de Carballo, a 30 km da cidade de A Coruña. Esta industria pode absorber parte da produción local, sobre todo de certas especies por exemplo, berberechos.

Nº industrias

Concello

Transformación

Bergondo

2

Sada

3

Total

11

 

Empresas

Concello

Nome

Bergondo

Congelados Asturgal S.L.

ELCESA

Sada

Comercio Internacional Alimentos Mar S.A.

Demarlosa Lorbé S.L.

Proinsa (Cetárea)

Os municipios costeiros pertencentes á ría de Betanzos, inclúense na Zona VII (Ámbito Territorial Marítimo-Pesquero de A Coruña-Ferrol, que vai desde a Punta Langosteira ata o Cabo Prioriño) do ámbito administrativo da actividade pesqueira artesanal na provincia de A Coruña. Na táboa seguinte expóñense os datos de ventas nestas lonxas desde o ano 2009 ao 2011.

Evolución de ventas nas lonxas do Golfo Ártabro

 Lonxa

2009 2010 2011

Quilos

 Importe € Quilos  Importe € Quilos

 Importe €

Miño

5.662,65 42.846,55 13.080,18 66.967,05 13.401,70 66.971,40
Sada 1.356.353,95 927.788,72 1.494.798,75 1.218.737,66 865.192,30

997.612,04

Total 1.362.016,60 970.635,27 1.507.878,93 1.285.704,71 878.594,00

1.064.583,44

A lonxa de Sada é a segunda en cantidade de capturas despois de A Coruña na Zona VII Coruña-Ferrol. Éste é un sector moi dinámico no que a produtividade dos recursos e dos prezos flutúan dun ano para outro, e no que emerxen tanto novas oportunidades como ameazas para a explotación sostible e a comercialización rendible destes recursos.

Algunhas lonxas teñen un prezo de facturación moi superior ao nivel de ventas, este fenómeno explícase polo alto prezo dos produtos más vendidos en cada una delas. Na lonxa de Sada, as especies máis vendidas son as sardiñas, xurelo e xarda, que teñen un prezo de venda moi inferior ao das demais especies consideradas. Na lonxa de Miño a ameixa fina, a ameixa xaponica e o berberecho son as especies máis comercializadas, isto supón unha facturación superior á de Sada, debido ao elevado prezo das capturas.

Hai que destacar que moita da produción marisqueira da Confraría de Miño non se comercializa a través da lonxa, xa que se vende directamente a depuradoras. Este tipo de comercialización afecta en gran medida aos datos das vendas nas lonxas.

A historia das bateas ártabras, que se identifican como excelentes produtoras de mexillón ibérico, comeza en 1945 na localidade de Mera (municipio de Oleiros), onde se realizaron os primeiros experimentos coas bateas coruñesas. Ao pouco de comezar, a produción trasládase por causa dos temporais á enseada de Cirro e á costa de Carnoedo, en plena ría de Betanzos.

Plano_usos e aproveitamentosHoxe en día concéntranse aproximadamente 145 bateas na zona próxima a Lorbé, o que motivou unha denominación do produto asociada ao porto desta localidade, no cal se sitúa unha depuradora. As bateas son de tamaño variado, colgando de 300 a 1.000 cordas segundo os tipos; a flota que acompaña o labor é de tamaño mediano e caracterízase pola súa gran resistencia para a carga do mexillón.

O mexillón de Lorbé acusa un problema de dependencia dunha produción bastante reducida, sendo escaso o número de empresas e tamén os restaurantes que ofrecen o produto, algún dos cales chega a servir ata 400 kg diarios durante as xornadas estivais.

O cultivo de especies acuícolas ten representación neste territorio coa empresa Grupo Proinsa, que se dedica á produción e comercialización de mexillón, entre outras actividades. A comercialización deste produto faise mediante a marca “Mar de Lorbé”.

Tamén neste ámbito destaca a empresa Porto Muíños S.L., pioneira en España na instalación de cultivos de algas mariñas. Participa en distintos proxectos I+D co obxectivo de desenvolver cultivos de algas de distintas especies.

Como se mencionou anteriormente, os novos produtos do mar, como son as algas, supoñen un novo mercado para o sector marítimo. A existencia no territorio dunha industria dedicada á comercialización deste tipo de produtos, Porto Muíños S.L., pode supoñer unha oportunidade para o sector que actualmente non se está aproveitando posto que esta materia prima provén de outros lugares.

A condición de zona abrigada favorece que a ría de Betanzos permita navegar durante todo o ano en barcos de vela. Estas características favorecen ao turismo náutico centrado maiormente no porto deportivo de Sada (1.300 amarres e que forma a dársena deportiva máis grande de Galicia)) e con menor peso no porto de Miño.

Conta o porto deportivo de Sada con escola de vela e diversas empresas que ofertan múltiples actividade de formación e iniciativas deportivas acuáticas.

PortoDe Sada

  • Asentamentos e infrestruturas e puntos de vertido

A ría de Betanzos atópase na área de influencia da cidade da Coruña, presentando trazos propios dos espazos urbanos afectados por procesos de metropolización. Unha parte dos concellos que forma a ría, que debido á súa extensión e potencialidade estratéxica desta zona, xunto coa área urbana de Ferrol, conforman parte da Rexión urbana Ártabra. Os municipios da ría non se engloban nesta área urbana ou no anel metropolitano, pero sí forman un espazo rural integrado ou intermedio fortemente influenciadas por el, en maior medida Betanzos, Sada e Bergondo.Plano_zonas poboacion

Miño e Paderne terían características rurais, aínda que Miño, cuxa localización estratéxica no borde costeiro lle confire certa singularidade, entraría dentro da clasificación de Núcleo de identidade do Litoral.

Existen nas inmediacións e sobre a ría de Betanzos diversas infraestruturas de comunicación que facilitan a interconexión do territorio e a relación entre poboación como soporte do sistema de asentamentos. Estas infraestruturas ten unha elevada presenza neste territorio debido á proximidade da cidade da Coruña e de Ferrol. Non obstante, estas vías soportan tráficos moi intensos, superiores á súa capacidade a causa da intensa ocupación do territorio. Esta alta rede de viarios facilita posibles vías de contaminación da ría.

Neste territorio existe unha serie de infraestruturas portuarias e marítimas que serven para todo tipo de actividades relacionadas co mar.

A  continuación enuméranse as infraestruturas portuarias máis destacadas no territorio:

  • Porto de Lorbé, no municipio de Oleiros.
  • Porto de Sada-Fontán, emprazado en plena Ría de Betanzos; tratase dun porto pesqueiro e deportivo.
  • Porto de Betanzos, situado no fondo da ría que leva o seu nome, entre os ríos Mendo e Mandeo.
  • Porto de Miño, e porto de Perbes en Miño.

Cabe destacar as importantes perturbacións que provocan estas infraestruturas nas correntes mariñas, o que produce cambios importantes na renovación e ciclo das augas no interior da ría e o lavado e acumulación de sedimentos en certas zonas.

18-Lorbe3

Na maior parte dos asentamentos de poboación de carácter rural é complicado e custoso cubrir as demandas de saneamento. Este resultado é consecuencia da dispersión da poboación no territorio e tamén da dispersión das edificacións dentro dos núcleos, o que dificulta a creación de redes continuas de saneamento, provocando así que unha gran parte dos asentamentos dispoñan de sistemas de saneamento autónomos. O máis estendido son o uso de foxas sépticas e mesmo as verteduras incontroladas ás cuncas fluviais. Neste sentido sería interesante explorar novos modelos de saneamento que respondan ás peculiaridades do rural disperso.

Bergondo dispón de catro depuradoras de augas residuais (tres para augas domésticas e unha para industriais), situadas en Peteiro, Fiobre, Miodelo e no polígono industrial de Bergondo. No municipio de Betanzos existe unha depuradora e Sada dispón de dúas EDAR.

A rede de saneamento en Miño cubre practicamente a totalidade dos asentamentos de poboación; as augas residuais trátanse na EDAR (Estación  de Depuración de Augas Residuais) de Miño e na EDAR de ponte Baxoi, existindo tamén unha depuradora nun afluente do río Lambre que dá servizo á parroquia de Callobre.

O sistema de saneamento en Paderne baséase nun conxunto de redes e pequenas estacións depuradoras repartidas de forma homoxénea e seguindo o esquema de asentamento de poboación. Todas as redes rematan nunha depuradora de tipo prefabricada.

O funcionamento destas estacións depuradoras é moi diverso, sendo moi deficiente as que verten á zona de esteiro da ría de Betanzos, e que producen a mala calidade das súas augas chegando a ser declarada a zona de marisqueo do Pedrido como de calidade microbiana C, o que prohibe a venta do marisco sen pasar por a depuración en bateas antes de ser comercializados.

DSC_0442

As infraestruturas e asentamentos anteriormente descritos producen unha serie de vertidos á ríade diversa relevancia e gravidade, o que provocan a alteración no estado natural da mesma. Segundo o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR), existen máis de 84 puntos de vertido de diferente tipoloxía. Sería de interese unha análise pormenorizada de todos estes puntos e o estudio da súa posible eliminación ou diminución.

Plano_ptos_vertido

DIAGNOSE

Para a realización da diagnose da área de estudio decidiuse empregar a análise DAFO (Debilidades, Ameazas, Fortalezas e Oportunidades) como ferramenta. O seu obxectivo consiste en concretar nunha matriz a avaliación dunha serie de factores que, unha vez identificados e clasificados, proporcionan un cadro sistemático de información sobre a capacidade dunha actividade para soster ou xerar as súas avantaxes competitivas, ou ben para combater as súas desvantaxes. Isto servirá para conseguir un axuste axeitado entre a capacidade interna e a posición competitiva externa da actividade que se analice.

  • Debilidades

Depuración deficiente das augas residuais, de forma especialmente grave no esteiro, que produce unha contaminación permanente da ría o que impide realizar un aproveitamento dos recurso axeitado, a máis dos problemas ambientais que provoca.

Pouca comunicación e coordinación entre os diversos axentes involucrados na xestión da zona mariña e litoral.

Cotas pesqueiras non adaptadas á realidade pola inexistencia de datos fiables.

Falta de información e estudos sobre o estado dos fondos mariños, correntes mariñas, erosión e estado sanitario da ría.

Pouco coñecemento do mundo mariñeiro por parte da sociedade.

Dificultade para comercializar produtos do mar e pouca valorización do traballo no sector.

Forte competencia de produtos pesqueiros e marisqueiros foráneos de baixo prezo.

Dificultade de financiamento para novas iniciativas empresarias no territorio.

Elevada taxa de desemprego, con maior importancia na poboación xuvenil e de maiores de 45 anos.

Crise económica xeneralizada.

Forte presión das zonas urbanas.

Escasos recurso para a protección e conservación dos espazos naturais

Descoñecemento do impacto da pesca recreativa e o furtivismo sobre os recursos mariñeiros.

  • Fortalezas

Riqueza dos recursos dos ecosistemas mariños, paisaxísticos, naturais e culturais.

Existencia de importantes elementos de interese turístico e tradición mariñeira.

Boa imaxe do produto pesqueiro e marisqueiro da zona.

Xestión sostible tradicional no aproveitamento dos recursos mariñeiros

Coñecemento tradicional da ría por parte dos traballadores do mar.

Lonxas nas proximidades da zona costeira e existencia de confrarías organizadas.

Proximidade a un centro de consumo moi importante como é a cidade da Coruña.

Declaración como Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Centros de innovación e de divulgación ambiental na área de influencia da ría.

Entidades locais animadas a participar e dinamizar o desenvolvemento con enfoque local.

Existencia de redes con outros territorios para aprender e enfrontar problemas coordinadamente.

  • Ameazas

Posible sobreexplotación dos recursos da ría por parte da pesca recreativa, furtivos ou profesionais non concienciados.

Expansión das especies invasoras nos espazos naturais protexidos.

Cambios nas correntes mariñas pola realización de infraestruturas portuarias, que producen acumulación perda de sedimentos en certas zonas da ría e acumulación dos mesmos en outras.

Aumento da erosión e desprendementos de terras polo cambio climático e a subida do nivel do mar.

Empeoramento da contaminación na ría por continuidade ou aumento de vertidos de augas fecais ou residuais.

Aparición de conflitos entre os diversos aproveitamentos e usos que se fan da ría (pesca, marisqueo, turismo náutico, etc.).

Realización de grandes infraestruturas ou obras que poidan xerar impactos ambientais.

  • Oportunidades

Promoción do turismo mariñeiro e ambiental que poña en valor os espazos naturais e a cultura e historia mariñeira.

Marca de calidade ligada á Reserva de Biosfera.

Novos aproveitamentos dos recursos mariños (ourizos, algas, …), así como a potencialidade da acuicultura multitrófica, que poden xerar oportunidades de emprego e emprendemento.

Aumento dos espazos naturais protexidos.

Vontade dos axentes locais para poñer en marcha un proxecto de Xestión Integrada do Litoral.

Fondo Europeo da Pesca para apoiar ás comunidades litorais, que comezará a funcionar desde o ano 2016 ata o 2023, coa posibilidade de financiar proxectos de interese.

Necesidade de traballar en programas europeos con planificación a medio prazo.

Existencia de centros de excelencia na investigación dentro da área de influencia da ría.

INDICADORES E PUNTOS DE CONTROL

Seleccionáronse tres tipos de indicadores que funcionarán como medidas de control no futuro para coñecer a situación e evolución do estado natural da ría. Estes indicadores son perfectamente verificables xa que a súa medición depende de organismos públicos permanentes que realizaran un seguimento periódico.

O visor SIX-WEB creado dentro do proxecto incorpora todos os indicadores fixados e controlados para que poidan ser visualizados dunha maneira rápida e sinxela por todas as persoas que o desexen.

Os indicadores seleccionados foron:

  • INDICADOR 1. Superficie declarada como espazo natural protexido dentro da área de influencia da ría de Betanzos.
    • Organismo de control: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Xunta de Galicia.
    • Descrición: Superficie en hectáreas, clasificada como Espazo Natural Protexido, segundo a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza de Galicia.
    • Total indicador: 1.214,54 ha

Denominación

Tipoloxía Superficie (ha)
Betanzos-Mandeo LIC, ZEPVN

864,58

Costa de Dexo LIC, ZEPVN, Monumento Natural

349,96

Plano_indicador_sup_espazo_protexido

 

  • INDICADOR 2. Estado das augas de baño na ría de Betanzos .
    • Organismo de control: Goberno de España. Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA). Unión Europea.
    • Descrición: Avaliación e clasificación da calidade das augas costeiras das zonas de baño existentes na ría de Betanzos, segundo a Directiva 2006/7CE do Parlamento Europeo e do Consello de 15 de febreiro de 2006. Clases segundo resultados de analíticas; Calidade insuficiente, Calidade suficiente, Calidade boa, Calidade excelente).
    • Total indicador: 8 EQ; 10 GQ; 2 PQ

Zona de baño

Clasificación

Comentarios

Praia Cirro PM1

GQ Calidade boa
Praia San Pedro – Sada PM1 GQ

Calidade boa

Praia Arnela PM1

EQ Calidade excelente
Praia Morazón PM1 GQ

Calidade boa

Praia Sada Nova PM3

GQ Calidade boa
Praia Sada Delicias PM1 PQ

Calidade insuficiente

Praia Gandarío PM1

GQ Calidade boa
Praia Gandarío PM2 EQ

Calidade excelente

Praia Regueiro PM1

PQ Calidade insuficiente
Praia O Pedrido PM1 GQ

Calidade boa

Praia O Pedrido PM2

GQ Calidade boa
Praia Alameda PM1 GQ

Calidade boa

Praia A Ribeira – Miño Pequena PM1

EQ Calidade excelente
Praia Miño Grande PM1 EQ

Calidade excelente

Praia Miño Grande PM3

EQ Calidade excelente
Praia Lago PM1 GQ

Calidade boa

Praia Marín PM1

GQ Calidade boa
Praia Perbes – Andahío – Miño PM1 EQ

Calidade excelente

Praia Perbes – Andahío – Miño PM2

EQ Calidade excelente
Praia Insua PM1 EQ

Calidade excelente

Plano_indicador2_estado augas de baño

  • INDICADOR 3. Clasificación do estado microbiolóxico das augas das zonas de produción GAL na ría de Betanzos.
    • Organismo de control: Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR). Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia.
    • Descrición: Estado das zonas GAL de produción de moluscos dentro da ría de Betanzos, segundo as normativas comunitarias e nacionais (Directiva 2004/41/CE, Regulamentos 852/2004/CE, 853/2004/CE, 854/2004/CE, 2073/2005/CE, 505/2010/CE, 558/2010/CE, Real Decreto 640/2006) referidas á calidade microbiolóxica das augas para a cría de moluscos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e, en base ás análises feitas polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR), mediante a Orde de 14 de marzo de 2011 (DOG Nº 60 de 25 de marzo de 2011), a Orde de 19 de xullo de 2010 (DOG Nº 143 de 28 de xullo de 2010), que modifican a Orde de 8 de setembro de 2006 (DOG Nº 177 de 13 de setembro) clasifícanse as zonas de produción de Galicia segundo o Anexo I de dita Orde.
    • Total indicador: 2 zonas B e 3 zonas C

Clave

Área de Produción Límites Clasificación da Zona Comentarios

GAL-04/01

Ría de Ares-Betanzos – Zona desde pta. Coitelada ata pta. Mera, agás o esteiro do río Eume, a enseada de Bañobre e o esteiro do río Mandeo B

Estable

GAL-04/06 Enseada de Bañobre – Zona delimitada pola liña imaxinaria que une pta. Redonda e pta. Satareixas cara ao interior da enseada B

Estacional, cambia a C de xullo a setembro

GAL-04/07

Parte externa do esteiro do río Mandeo – Zona delimitada pola liña imaxinaria que une pta. Xurelos con pta. Gandarío, agás as zonas media e interna do esteiro do río Mandeo

C

Provisional

GAL-04/08 Parte media do esteiro do rio Mandeo – Zona comprendida entre a ponte do Pedrido e a liña imaxinaria que une pta. Ostreira co apeadeiro de Paderne C

Estable

GAL-04/09 Parte interna do esteiro do rio Mandeo – Zona delimitada pola liña imaxinaria que une pta. Ostreira co apeadeiro de Paderne cara ao interior da ría C

Estacional, pasa a C nos meses de xuño e xullo

Plano_indicador3_estado zonas GAL

 

PROPOSTAS DE FUTURO

As propostas e liñas de acción a impulsar de cara ao futuro, deberán integrar a tripla compoñente na súa formulación: unha compoñente económica, outra social e outra ambiental.

A ferramenta de Xestión Integrada de Zonas Costeiras aplicada na ría de Betanzos-Ares, dentro do marco que conforma a Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”, garantizará coherencia con esta tripla compoñente, asegurando a participación dos axentes locais e outras entidades con competencias na gobernanza do territorio, ademais de permitir integrar tanto os coñecementos técnico-científicos co saber tradicional da xente do mar.

O feito de desenvolver esta metodoloxía na ría de Betanzos será un proxecto pioneiro en Galicia e no Estado español, e poderá situar ao territorio como referente nestes procesos na zona atlántica europea.

A recuperación da “cultura mariñeira” e a súa posta en valor a través do turismo, permitirá tamén diferenciarse doutros territorios e atraer este tipo de turismo, sempre en convivencia coa cultura local. Esta recuperación podería comezar no traballo de sensibilización coa cidadanía e cos escolares, permeabilizando ao resto do territorio.

A base sobre a cal cimentar esta estratexia será a recompilación e xeración de información sobre a ría (capacidade de carga; usos compatibles; diversificación), e a súa posta en común con parte de todos os axentes interesados, sendo para elo clave o funcionamento do visor-SIX que se ten construído, así como a organización de actividades de divulgación e difusión nos concellos.

Esta información permitirá afrontar os principais problemas identificados (inicialmente os puntos de verquido e o saneamento), buscando vías de financiamento para mellorar a calidade das augas e recuperar a productividade do pasado.

Respecto á mellora na comercialización das producións do mar e o incremento do seu valor, sería necesario explorar a viabilidade de utilizar a “Marca Reserva de Biosfera” para estas producións, incorporándoas nos establecementos de gastronomía local tamén como un feito diferencial, e incorporando outros produtos da Reserva (viño de Betanzos, horta ecolóxica, queixos, etc.).

Neste contexto é interesante destacar o traballo emprendido polo Grupo de Acción Costeira “Golfo Ártabro”, cuxo obxectivo é o desenvolvemento integral e sostible da zona costeira. No novo período 2014-2020, agardan abrir novas liñas de financiamento, así como lograr apoio de entidades e institucións para mellorar a calidade de vida das comunidades costeiras.

CONCLUSIÓNS

O proceso posto en marcha con esta iniciativa piloto polo Concello de Sada ten sido un éxito, atendendo á involucración dos axentes locais, á participación da cidadanía nas actividades desenvolvidas e nos resultados conseguidos en tan pouco tempo.

Comprobouse que o proxecto serviu para dinamizar o proceso de gobernanza a nivel local, identificando e involucrando aos axentes clave do litoral. Resulta preciso involucrar a máis entidades, que axuden a transformar os obxectivos identificados en proxectos reais.

Identificáronse tamén os principais problemas da ría así como as oportunidades que se abren de cara ao futuro.

Por outra banda, o GAC Golfo Ártabro está chamado a ser un axente clave na coordinación e animación deste proceso de cara ao futuro, dispoñendo de financiamento dentro do Fondo Europeo da Pesca cun programa 2014-2020 para a posta en marcha de iniciativas.

O marco de desenvolvemento futuro, dentro da Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”, confire unha proxección internacional ás actividades que poidan desenvolverse na ría, no marco da sostenibilidade e na posta en valor dos recursos na zona litoral.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s